Friday 19 de April de 2024

Vésperas e Día de Santa Minia recuperaron por momentos algunhas sensacións propias dunha Romería sen pandemia sanitaria


O delegado do Goberno en Galicia e o presidente da Deputación da Coruña cumpriron coa tradición de comer o polbo en Santa Minia

Nos seus dous derradeiros días, Vésperas e Día de Santa Minia, a Romaría de Santa Minia recuperou por momentos algunhas das sensación propias duns tempos pre-pandemia. E iso que os fortes trebón caídos na madrugada fixeron pensar no peor, pero ao final “o certo é que hoxe xunto coa xornada do domingo foron dos dous días máis parecidos ao que adoita ser unha Romaría de Santa Minia”, explica Alberto Álvares, coordinador da Romaría.

Os oficios relixiosos desenvolvéronse como durante toda a fin de semana, con aforo limitado e sen colas á hora de visitar a Santa na capela ou de asistir aos oficios na parcela anexa. O único que se notou foi un descenso no número de vendedores de artigos relixiosos. Pola súa banda, as cinco polbeiras instaladas a carón da carballeira recuperaron tamén o ritmo de vendas propios dunha Santa Minia que cadre durante a semana, superando os poucos clientes cos que contaron durante as dúas primeiras xornadas.

Durante a mañá, a música correrá a cargo do grupo de gaitas Os Viqueiras de Ordes e, especialmente, Festicultores Troupé, que fixeron que non poucos dos maiores presentes botaran unhas bailas. Tras a súa actuación, o alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, recibiu a visita do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e do presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso; que percorreron a carballeira e cumpriron coa tradición de comer o polbo en Santa Minia.

Colaboración dor romeiros/as

O alcalde de Brión agradeceu “o extraordinario comportamento e a colaboración que están a ofrecer os romeiros e romeiras que nos visitan. Están cumprindo con todas as medidas de seguridade e, ademais, están axudando a manter viva a ilusión dunha das romarías máis grandes de toda Galicia como é a Romaría de Santa Minia. Agardemos que para o ano poidamos volver desfrutar pero véndonos todos as caras”.

A diferenza de anos anteriores, non se cortou en ningún momento a avenida de Santa Minia, pero isto non provocou ningunha incidencia. É máis, nin sequera foi necesaria o tradicional desplegue de efectivos de Protección Civil para ordenar o aparcamento, aínda que o número de vehículos era substancialmente menor, cada persoa soubo orientarse perfectamente para deixar o seu vehículo o más próximo á carballeira.
A música porá o punto e final ás festas esta tarde, coas actuacións de Odaiko e “Tempos modernos” (ás 18:00 horas, na praza do Concello) e da banda municipal de música de Brión (ás 20:00 horas na parcela habilitada para os concertos).